O Campionato de España de Vela Infantil arrancou esta fin de semana en Palma de Mallorca con 223 embarcacións e ata 235 regatistas nun encontro que decidirá os equipos que representarán a España nos campionatos de Europa e os mundiais das categorías participantes. Varias tripulacións da selección de vela Caixanova participarán ata o vindeiro 24 de xuño en Optimist, Techno 293 e Láser.
E bos resultados para algúns dos equipos galegos, como o terceiro posto de Tomás Vieito do Club Náutico Rodeira de Cangas na clase Techno ou o cuarto da tamén canguesa Lara Lagoa, que encabeza o ranking feminino. Mentres, Alejandro Doncel vai sexto, tamén con opción de ocupar postos de podio.
En Optimist destacan os resultados de Javier Rodríguez Triana, Pedro Martínez e Jesús Fernández Vidal que mañá partirán nos postos 18, 20 e 21, todos con posibilidades de cara a formar parte do equipo nacional da categoría. Xa en Láser 470 destaca o feito por Álvaro Lence, do Club Marítimo de Canido, cun nada desdeñable duodécimo posto.