Se che gusta o jazz e queres aprender algo máis del, esta é a túa oportunidade. Xa podes inscribirte nas master class gratuitas que se impartirán no Conservatorio Superior de Música dentro do programa da sexta edición do festival Imaxina Sons. Por primeira vez, estas clases maxistrais non estarán centradas na técnica, senón na creatividade e na composición musical e irán dirixidas a persoas que se dedican á música profesionalmente e a estudantes e afeccionados.
Nesta ocasión terán dous profesores de luxo: o pianista Franco D’Andrea e o trompetista e compositor Franz Koglmann. A primeira master class será o 26 de xuño (10:30 h) e nela D’Andrea estará acompañado por todo o seu grupo, que ese mesmo día ofrecerá un concerto no Conservatorio ás 22:15 horas de entrada libre. Trátase do considerado mellor músico de jazz de Italia, en parte polas súas dotes de composición e interpretación unidas a unha capacidade de sedución que atrapa ás audiencias iniciadas e a quen se achega por primeira vez ao jazz. En Vigo a aula estará centrada na análise da creatividade e da composición musical.
No vindeiro curso, o 3 de xullo (11:00 h), Koglmann formula a súa clase maxistral como unha abordaxe da música na intersección entre o jazz e a música contemporánea. O seu jazz de cámara, que el denomina atípico, e que ten influencias literarias, filosóficas e cinematográficas. Na clase explicará como se traducen esas influencias. Xa pola tarde (20:30 horas) dará un concerto no Auditorio Municipal no que presentará o seu proxecto ‘Lo-lee-ta. Music on Nabokov’ co Monoblue Quartet.