
Uns calzóns con motivos da selección española de fútbol foron o detonante. Unha tenda de roupa interior de Marqués de Valladares apareceu esta madrugada con pintadas no seu escaparate nas que se tachaba cunha aspa de cor vermello o letrero que anunciaba o partido que enfrenta hoxe a España contra Honduras no Mundial de Sudáfrica 2010 e a frase ‘Isto é Galiza’ en toda a cristaleira.
Trátase dunha mostra que a firma Bjorn Borg creou utilizando as cores do combinado español, que van acompañados de carteis nos que figura a frase ‘Bjorn Borg con la roja’ con motivo do Mundial, aínda que tamén existen os mesmos artigos coas cores doutras das seleccións que estos días están a xogar en Sudáfrica.