Os empregados de Grupo Antolín de Vigo iniciaron este luns unha serie de concentracións diante das instalacións da compañía no polígono tecnolóxico e loxístico de Valadares para protestar polo bloqueo nas negociacións do convenio colectivo. Os representantes da CIG no comité de empresa denuncian que a nova proposta da patronal supón unha volta atrás nos acordos acadados no mes de maio.
Os delegados sindicais da central nacionalista explican que optan por retirarse da negociación tras máis dun ano de conversas porque consideran que as pretensións da dirección da compañía son “inaceptábeis”. En concreto, critican que a última proposta presentada polos responsábeis de recursos humanos supón “un retroceso nos acordos que xa tiñamos pactados en maio, como a xornada anual ou os descansos”.
Outros dos puntos de fricción é a duración do propio convenio, tal e como indica o delegado da CIG Miguel Cabreira. “Pretenden aumentar a súa vixencia até o 2013, cando xa estaba apalabrado que se prolongaría até finais deste ano”. Neste senso, o representante sindical considera que a compañía está tratando de adiar o acordo para forzar unha negociación favorábel aos seus intereses e fai fincapé no feito de que as centrais españolas CCOO e UGT decidiron continuar as negociacións en solitario.
Diante disto, os delegados da central nacionalista decidiron abandonar a mesa de negociación e iniciar unha serie de actos reivindicativos para denunciar a situación de bloqueo. As mobilizacións, que comezaron o luns, consisten en concentracións ás portas da empresa no polígono industrial de Valadares durante os cambios de quenda (entre as 13.30 e as 14.30 horas).