Tres días de monociclistas, músicos, performances e comediantes polas rúas de O Porriño. Hoxe arranca o III Festival de Artes Escénicas ‘Coiro de Pita’ cun concerto de inauguración do grupo Radioclick a partir das 21:30 horas no Lizarrán. Será o único acto da xornada, un espectáculo co que abrir boca para todo o que espera a fin de semana.
Xa mañá, a festa comeza un pouco antes: a partir das 12 horas haberá exhibición de monociclistas na Praza do Arquitecto Antonio Palacios coa música en directo do DJ Oski, algo tradicional neste festival. Ás 17 horas comeza a performance Lab.Sesions co Grupo Hedonista na zona peatonal e ás 18 horas o III Encontro de Monociclistas no Parque González Ordóñez. Para rematar o día, performance con proxeccións na Praza do Arquitecto Palacios a partir das 23 horas.
A última xornada do festival agocha varias sorpresas. Ás 12:30 horas o público poderá disfrutar dunha conferencia interactiva de Comedia dell’Arte con Javier Oliva para, a continuación (13 horas), facer un encontro de monociclistas no Faro de Budiño. Outro dos actos importantes do festival será o espectáculo da compañía Cia Vladimir Tzékov na praza do Concello a partir das 19 horas e, ás 20 horas, a actuación de ‘Lana Nueva Familia’, de Teatro del Lazzi.