O equipo español participante no Campionato Europeo de Augas Tranquilas, Trasona 2010, remata a súa estadía en terras asturianas con 6 medallas ao pescozo, tres pratas e tres bronces, que lle valeron para rematar en novena posición na clasificación xeral. E cinco deses éxitos levan firma galega.
Os mellores resultados dos galegos foron as dúas pratas de Carlos Pérez a bordo do seu K-2 na distancia de 200 e de 500 metros; a prata de José L. Bouza en K-1 nos 5.000 metros; e os bronces de Teresa Portela en K-1 para 200 metros xunto coa participación no K-4 500 metros, onde fixo piña con Beatriz Manchón, Jana Smidakova e Sonia Molanes. A sexta medalla española acadouna o dúo formado por Emilio Merchán e Diego Cosgaya en K-2 para 1.000 metros.