A delegada da Xunta en Vigo visitou as vivendas de promoción pública que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ven de construír na zona de As Roteas, en Coruxo.
Acompañada dos responsables da empresa de construción e dos técnicos do IGVS, a representante do Goberno galego realizou un percorrido polas vivendas, garaxes e local comercial dispoñibles para coñecer os traballos de construción e urbanización das 47 VPP que se levantaron nesta parroquia e que contan tamén cun parque infantil con dous zonas de xogos para nenos e nenas ata os 12 anos.
Lucía Molares comprobou así que as obras de edificación das vivendas están completamente rematadas e, en declaracións aos medios de comunicación, explicou que a construción destas vivendas supuxo un importante investimento que superou os 3,4 millóns de euros.
Por último, a delegada informou que o sorteo para coñecer o listado definitivo dos adxudicatarios destas 47 vivendas de promoción pública realizarase ao remate do verán, unha vez que xa se fixo público o listado provisional, e que a previsión, segundo os trámites administrativos correspondentes, é que as vivendas se poidan entregar aos seus propietarios no último trimestre do ano 2010.
Vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios
Das 47 vivendas que se construíron nas Roteas, 23 dispoñen de tres dormitorios e unha superficie útil de 80 metros cadrados. Outras 17 teñen dous dormitorios e 65 metros cadrados de superficie útil e 6 teñen catro dormitorios e 90 metros cadrados útiles. Finalmente, hai unha vivenda de dous dormitorios, adaptada para o seu uso por persoas con mobilidade reducida, polo que a súa superficie é de 90 metros cadrados aproximadamente. Tódalas vivendas contan con estar-comedor, cociña, baños, unha praza de garaxe e un trasteiro e distribúense en tres edificios que comprenden seis portais de tipo aberto, agrupados lineal e paralelamente.
Unha oferta de 400 vivendas
Por outra banda, Lucía Molares recordou que a estas 47 vivendas das Roteas, hai que sumar a oferta das 343 vivendas públicas de Navia. Así, ao longo deste ano 2010, o Goberno galego fai unha importante aportación na oferta de vivenda pública para a cidade xa que porá a disposición dos vigueses e viguesas un total de 400 vivendas públicas que, coma dixo a delegada territorial, “son moi necesarias para cubrir a ampla demanda”.