
As paisaxes serán as protagonistas esta mañá nos ‘Domingos de Museo’ que se desenvolve cada semana no Museo da Cidade, no Pazo Quiñones de León, no obradoiro para rapaces e público familiar. Ata 15 nenos poderán disfrutar de ‘Landriña viaxa ao interior das paisaxes’, que comezará ás 11:30 horas e que levará aos máis pequechos polos seus cadros favoritos da colección que alberga Castrelos.
No percorrido, Landriña amosará como ademais de utilizar a liña e a cor, os artistas usan a luz e as sombras para crear ambientes e sensacións en función do que queren suxerir ao público. Coa axuda da imaxinación, os que se acheguen ao obradoiro poderán viaxar ao interior desas paisaxes e descubrir cores, olores, personaxes e animais que servirán para crear unha historia ao seu redor.
O obradoiro completarase cun xogo no que se porá a proba a capacidade de observación de todos os participantes. Cada rapaz pode acudir cun máximo de dous acompañantes.