Galicia

A economía galega medrou un 0,4%, o dobre que a española

José Antonio Campo, director do IGE.
José Antonio Campo, director do IGE.

Foi no segundo trimestre, segundo os datos facilitados hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). É o segundo aumento intertrimestral do Produto Interior Bruto autonómico consecutivo, co que a economía galega acumula medio ano á alza e abandona as taxas interanuais negativas, logo de seis trimestres consecutivos de caídas e dun descenso do 1,3% no primeiro trimestre de 2010.

Pese a que o gasto en consumo final caeu un 0,9%, este descenso foi catro décimas inferior ao rexistrado no trimestre anterior. En canto ao consumo final dos fogares, decreceu un 1,3%, cinco décimas menos que entre xaneiro e marzo. A debilidade deste agregado reside sobre todo no deterioro experimentado polo mercado de traballo no último ano e medio.

Os principais indicadores de consumo amosan un comportamento similar: as matriculacións de turismos rexistran neste trimestre taxas interanuais lixeiramente superiores ás do trimestre anterior e indicadores cualitativos como o índice de confianza do consumidor presentan unha mellora. O índice de vendas de comercio polo miúdo deflactado e corrixido de estacionalidade tamén rexistrou unha taxa interanual positiva, aínda que inferior á do trimestre anterior.

No mesmo período a taxa de crecemento do gasto en consumo final das administracións públicas caeu 0,3 puntos con respecto ao trimestre anterior debido á contención do gasto público; a taxa de variación interanual rexistrou un crecemento nulo.

Falta emprego

O emprego, medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, decreceu no primeiro trimestre deste ano un 3,1%, o que supuxo a destrución de 35.551 postos de traballo equivalentes nun ano. Atendendo ás ramas de actividade, cómpre destacar que o comportamento é mellor en todas en relación ao primeiro trimestre do ano.

As ramas agraria e pesqueira mostran un crecemento interanual do 0,3% no segundo trimestre do ano, a construción acada un decrecemento do 8,2%, 2,2 puntos menos que no trimestre anterior, e as ramas industriais rexistran unha taxa do -7,4%, cinco décimas superior á do trimestre precedente, cun crecemento do 1,4% no caso das enerxéticas.

Os servizos de mercado minoran o seu descenso en 0,7 puntos, quedando situada a taxa no -3,3%. Os non de mercado experimentan un crecemento interanual do 1,3%, 1,2 puntos superior ao crecemento do trimestre anterior.

Distinguindo por situación profesional, o emprego asalariado, en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, amosou no segundo trimestre de 2010 unha taxa de variación interanual do -2,9%, dato que supón a diminución de 27.833 postos de traballo asalariados a tempo completo nun ano.

Considerando de forma conxunta o crecemento do PIB trimestral e o do emprego, a variación interanual da produtividade aparente do factor traballo sitúase neste trimestre no 3,2%, 0,2 puntos máis que a variación rexistrada no trimestre anterior.

También te puede interesar