Galicia

Decomisados máis de 14 qm de artes nunha soa fin de semana

Seis zonas e 307 aparellos de máis de 14 quilómetros de artes de enmalle decomisados. Os Gardacostas galegos actuaron esta fin de semana por mar en Corcubión, Arousa, Muros e Noia, Viveiro, Corme-Laxe e Camariñas, ademáis de decomisar 270 quilos de distintas especies de peixe e marisco en operativos rutineiros por terra nos portos da Coruña, Lorbé e Sada.

Por zonas, o venres en Corcubión os axentes requisaron varios quilos de camarón, nécora ovada e unha peza de centolo. Noutro operativo na Ría de Arousa incautáronse de 50 nasas sen identificar e comisaron 3 quilos de nécora que contiñan estes aparellos e que se devolveron ao mar. Nas inspeccións por terra se incautaron dun salabardo sen identificar con máis de 30 quilos de centola, que foi devolta ao mar. Por outra banda, na Ría de Viveiro, durante inspeccións de control de captura de percebe, os axentes comisaron a furtivos 28 quilos desta especie.

Ademais, na Ría de Muros e Noia os axentes requisaron 150 nasas tipo nécora, caladas en zona prohibida, 1000 metros de pezas de miños e 6 cacharros de polbo. Todos estes aparellos estaban sen identificar. Ademais comisaron as especies que contiñan as nasas e cacharros (24 quilos de nécora e polbo), a maioría de talla antirregulamentaria, que posteriormente devolveron ao mar.

Na mesma ría, o sábado, os gardacostas aprehendéronse de 57 nasas de madeira, caladas en zona prohibida e sen identificar, 2 funís, unha rede, un garpín, un bichero e 850 metros de pezas de miños. Ademais, os axentes comisaron 26 quilos de polbo que contiñan as nasas e que foron devoltos ao mar e 13 quilos de peixe e marisco variado.

Ese mesmo día, na Costa da Morte, na zona de Cabo Vilán, os axentes retiraron do mar 1.150 metros de pezas de miños sen identificar e caladas en zona prohibida, e comisaron 4 quilos de pescada, xuliana e boi, que foron devoltos ao mar. Por outra banda, na costa de Lugo, os gardacostas requisaron 11.150 metros de pezas de rascos que estaban sen identificar e comisaron 108 quilos de distintas especies de peixe e 8 quilos de distintas especies de marisco. Tamén o sábado, na Ría de Arousa norte, outro operativo, saldouse coa incautación dunha cacea de 20 nasas sen identificar e co comiso de 7 quilos de ameixa e berberecho. Ademais nesta zona, os gardacostas, nun operativo desenvolvido pola Garda Civil do Mar da Coruña, inmobilizaron dúas embarcacións que carecían de documentación.

Por último, o domingo, os gardacostas realizaron un operativo na Ría de Corme-Laxe no que incautaron 12 nasas de polbo de madeira que estaban sen identificar e caladas en zona prohibida e na Ría de Arousa Norte 14 quilos de nécora e 27 pezas de centola.

También te puede interesar