D. Besadío/Universidade de Vigo/ O 77,1% do alumnado estranxeiro que realizou unha estadía na Universidade de Vigo o curso pasado recomendaría, sen dubidalo, esta universidade nos seus países de orixe. É un dos datos que aparece reflectido no volume ‘Estudo sobre a experiencia académica dos estudantes internacionais na Universidade de Vigo’, un traballo promovido polo Tribunal de Garantías co que se pon sobre a mesa unha radiografía detallada da calidade do ensino impartido a este tipo de alumnado.
O estudo, primeiro que se publica en España destas características, fai un debuxo sobre o perfil global do alumnado estranxeiro, 80% Erasmus, pero tamén procedente de moitos outros países dos cinco continentes. Alumna de segundo ciclo, do ámbito humanístico e xurídico-social que chega de Polonia, Alemaña, Italia, Francia ou Portugal para pasar un cuadrimestre na Universidade de Vigo. Este é, segundo os datos recollidos no estudo, o perfil global dos estudantes Erasmus que estudan na Universidade.
Chegan na súa inmensa maioría buscando ter unha experiencia internacional (73,6%) e para mellorar os coñecementos de linguas, maioritariamente de español pero tamén de lingua galega e só un 1,3% admiten que realizan a estadía para aprobar materias “difíciles” nos seus centros de orixe. Para o 60,7% a Universidade de Vigo era a súa primeira opción e os factores que máis pesaron para realizar esta escolla foi as características da cidade (clima, mar, tamaño, destino non moi turístico) e de Galicia en xeral. E case un 10% deles chega a través das referencias doutros amigos.
Á hora de realizar unha valoración xeral do tipo de docencia recibida na Universidade de Vigo en comparanza coa universidade de orixe a maioría de estudantes (68,8% fronte ao 30,8%) considera que a docencia é aquí moito máis participativa e interactiva.