D. BESADÍO/UNIVERSIDADE DE VIGO/ O Centro de Enxeñaría Mecánica e Automoción da Universidade de Vigo está a participar na posta en marcha do que será o segundo acelerador de partículas máis grande do mundo despois do CERN e que se localizará no novo Centro Europeo de Investigación en Física Nuclear, unha das infraestruturas científicas prioritarias para a Comisión Europea na que participan 2.500 investigadores de todo o mundo cun custe de 1.186 millóns de euros, dos que o 75% é financiado polo goberno alemán e o resto polo resto de países participantes, entre eles España.
O Grupo Experimental de Núcleos e Partículas pertencente ao Instituto Galego de Altas Enerxías da USC, cuns 5 investigadores, é o encargado de coordinar o deseño e fabricación do calorímetro, unha das pezas máis importantes do proxecto, xa que no seu interior é onde se produce o impacto nuclear das partículas.
Aínda que está previsto rematalo no 2014, levan tres anos traballando nel e na actualidade están inmersos na fabricación dun primeiro demostrador do prototipo que se probará a finais de ano no acelerador de partículas en Alemaña.. Trátase dun mecanismo con forma de cubo de arredor duns 30 centímetros, cunha estrutura construída en fibra carbono de moi baixo espesor, dentro da cal se inclúen diferentes tipos de materiais, “incluídos un cristais moi caros e especiais que se fabrican en moi poucos lugares do mundo”.