Dazaseis fotos que non deixan lugar a dúbida: o centro necesita unha boa reforma. O Anpa Tea do CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas acaba de gañar o primeiro premio do concurso de fotografía ‘Retratemos o noso centro‘, que organiza a Federación Provincial de Anpa de centros públicos de Pontevedra.
O centro lévase o primeiro premio na categoría de ‘En negativo’ cunha reportaxe fotográfica nas que se amosan todos os desperfectos que sufre o colexio, a maioría por abandono e desidia das administracións. “Queremos dar as grazas a todos aqueles que pola súa falta de vontade e absoluta indiferenza cos nenos fixeron posible este premio, concello, xefatura provincial de Educación e Xunta”, explican dende o centro.
Comparten podium na categoría negativa coa Anpa Nosa Señora das Dores e o Anpa os Valados, mentres que na categoría ‘En positivo’ os galardonados foron a Anpa Joaquín Costa do CEIP Álvarez Limeses, o Celso Emilio Ferreiro e o Anpa Agromar. A recollida de premios, o vindeiro 23 de outubro.