O concelleiro de Comercio presentou hoxe as actividades que o vindeiro sábado 16 de outubro acollerá a Praza da Princesa con motivo do Día Mundial do Pan, que incluirán unha exposición de diferentes tipos de pan, degustacións e unha charla a cargo da experta nutricionista Carolina Nebot. O obxectivo desta convocatoria é potenciar o consumo deste produto, pero tamén amosar o apoio ao sector das panaderías, que en Vigo e a súa área suman 248 establecementos.
Na súa comparecencia salientou os beneficios nutricionais do pan, pero tamén expresou a súa preocupación polo mantemento e afianzamento do sector panadeiro na situación de crise actual. Ademais, mencionou o contraste que existe entre os datos sobre o descenso do consumo deste produto e o incremento dos casos de obesidade infantil, “consecuencia dunha dieta non equilibrada”.
O xerente de Aproinpa manifestou a preocupación da entidade polo forte descenso de consumo de pan e sinalou que Galicia, Valencia e Madrid son as tres comunidades nas que esta redución é máis forte, especialmente nos últimos tres anos. Indicou que na actualidade, o consumo de pan por galego e ano é de 50,8 kilos.
“Non pode ser que a maioría de nenos e nenas en idade escolar padezan obesidade infantil, producida polo consumo de alimentos industriais“, alertou Luis Rey. Segundo asegurou, dende Aproinpa tratan de paliar o descenso de consumo de pan “polo ben dos nenos e as nenas“.