_agenda Agenda

Cachifallos, ratos e outros colgados que andan pola ría

A tarde promete ser de puro teatro, ou polo menos de monicreque. Os máis pequenos da casa terán cita dobre con A Loca-motora e Títeres cachirulo. Se non queres saír de Vigo, a asociación veciñal Praza da Miñoca acolle no auditorio do conservatorio da Florida a obra ‘O tenderete da cachifallada’ a partir das 19 horas.

Carlota e Marieta revolven no faiado da súa casa na busca de cachifallos que elas convertirán en novos obxectos transformados con moita imaxinación e creatividade. Roupas, latas, regadeiras e outros trastes que se converten en seres fantásticos con historia propia e que mesturan o mundo real co imaxinario. As irmás, xemelgas, deciden montar o tenderete da cachifallada coa idea de realizar trocos, a raíz dos que xurdirán dous contos que falan da convivencia e da tolerancia, ‘Matilde e a pantasma’ e ‘A Coca de Redondela e a Serpe Mariña de Gloucester’.

Mentres, a biblioteca municipal de Tui será o escenario elixido para pasar ‘Un bo rato cos ratos’. Contacontos para rapaces de ata 8 anos (12 h) nos que Darío Abecé é o protagonista: un rato de biblioteca curioso e divertido que nunha tarde de tronos agáchase nun estante esquecido e atopa un libro con relatos de ratos pequenos, ratos poetas, ratos rabudos…

Para adultos

Se os que queren disfrutar do teatro son os maiores, unha das mellores opcións está no IES as Barxas de Moaña (22 horas). Alí é onde se representará ‘Colgados’. En épocas de crise hai moito colgado, e Homesoga é un profesional. Se tes algún problema el cólgase por ti… Precisas saber algo máis?

También te puede interesar