Votar unha ollada ao presente que constrúe o futuro da cidade. Esa é a intención da segunda e última xornada de Vigo no diván, un foro de debate organizado pola Asociación de Participación Cidadá Outro Vigo é Posible no auditorio do Centro Social Caixanova e no que se reflexionará dende unha perspectiva multidisciplinar sobre o camiño co que encarar un bo futuro para a cidade.
Moderado pola xornalista viguesa Magis Iglesias, os asistentes poderán debatir sobre a identidade viguesa, a nova economía da cidade, a vertebración territorial ou sobre unha cidade sustentable. Ademáis nesta ocasión o apartado cultural chegará da man do Teatro Ensalle e a Camerata Viguesa, ademáis da lectura do poema ‘Jazz Industrial’ de María Xosé Queizán por parte de Alicia Borrás e de ‘La Noche’ de Manuel Lueiro por parte de Maximino Queizán.
Os relatorios comezarán ás 11 horas da man de Antón Seoane, psiquiatra e músico; Antón Costas, catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona e articulista de El País; Maria Xosé Caride Estévez, ex conselleira de Política Territorial; e Juan Miguel Margalef, presidente de Asociación de Defensa do Patrimonio en Cartaxena. A partir das 14:15 horas, lectura das conclusións por parte de Eduardo Rolland.