O mal tempo non impediu que máis de 200 personas se reuniran esta mañá nas instalacións da ETEA para participar na décima edición do programa ‘Camiña e coñece’, que nesta ocasión contou coa presencia de Afonso Ramos para contar os datos máis relevantes da historia, patrimonio e medio ambiente de Teis, integrado no Concello de Vigo en 1941. Un percorrido que arrancou nas vellas instalacións da ETEa, un centro moi importante no desenvolvemento da cidade no século XX como punto estratéxico marítimo e naval. E que continuará tendo no século XXI, xa que os antigos edificios militares Faraday e Siemens serán habilitados como sede do Campus do Mar.
Tras atravesar o barrio de Ríos e a súa praia, exemplo da vinculación de Teis co mar, seguindo o camiño de Caxide, visitouse o parque da Riouxa, propiedade da familia Curbera e cedido posteriormente para uso público. A pequena carballeira que se atopa no medio do parque é “de gran valor medioambiental”. Dende alí ao camiño da Chumba ata ás Catro Pontes e o regato de O Pugariño, que serve de liña divisoria entre Vigo e Redondela, ata a súa desembocadura na praia de Arealonga, onde se atopa unha das conserveiras máis antigas da Ría.
Deixando atrás a praia de Mende e a depuradora de Teis, continuose polo Camiño Real, antiga vía de comunicación con Redondela e Pontevedra, ata a igrexa parroquial románica de san Salvador de Teis.