Un percorrido único polas poboaciones costeiras dos cinco continentes. Esta é a proposta que presenta o Museo do Mar de Galicia coa exposición Fillos do Océano, síntese das mellores imaxes que o fotógrafo Javier Teniente documentou, durante varios anos, nunha viaxe por comunidades pesqueiras tradicionais de todo o mundo. Unha mostra de fotografía documental que amosa a forma de vida de poboacións que aínda viven da pesca artesanal en países como a India, Senegal, Vietnam, Sri Lanka, Madagascar ou mesmo Galicia.
Teniente investiu varios anos fotografiando a forma de vida destas comunidades que dependen exclusivamente do mar e que están a sufrir o esgotamento dos recursos mariños por sobreexplotación ou por mor da contaminación. Máis de 70 fotografías que permanecerán a disposición do público ata o vindeiro 9 de xaneiro na sala de exposicións temporais do Museo.
Un modo de vida máis sustentable
A exposición é unha homenaxe a todos eses pescadores que viven do mar e para o mar e obteñen del todo o necesario para a súa supervivencia. Tamén é unha chamada de atención e de concienciación social a favor da preservación dos ecosistemas mariños, para que se regulen tanto as pesquerías como a contaminación marítima.