Aínda queda a cruz do Castro e algún símbolo nalgunha igrexa, pero hoxe deuse un paso máis na eliminación de toda imaxe franquista de Vigo. Esta mañá arrancou a retirada do escudo franquista da Casa das Artes e das inscricións preconstitucionais do frontón, co que o edificio convertirase “nun símbolo da liberdade e a democracia” no paso pola recuperación da memoria histórica.
Cun orzamento de 46.000 euros e uns traballos que durarán preto dun mes, para o tenente de alcalde Santi Domínguez este paso supón o recoñecemento ás persoas que foron perseguidas ou asasinadas durante a guerra civil e a ditadura. O retirada levarase a cabo co picado das zonas do escudo e as inscricións talladas na pedra relativas ao triunfo do alzamento militar, rebaixando o paramento entre 3 e 5 centímetros.
Sen embargo, manteranse os relevos das dúas figuras humanas situadas como remate das pilastras e que a imaxe do frontón restituirase con pezas de pedra similares ás do edificio. Os sillares que se empregarán foron recuperados de derrubas de edificios da mesma época que tiñan unha fábrica de pedra da mesma cantería.