Duvi/ En total, 3.615 persoas matriculáronse no primeiro curso das máis de 50 titulacións ofertadas pola Universidade de Vigo, o que se traduce en case un 13,5% de incremento respecto do curso 2009-2010. Un incremento moi significativo se se compara coa media das universidades españolas, que é dun 10%, e máis no caso da demografía de Galicia que non é unha comunidade con moita poboación en idade universitaria.
Este ano cubríronse o 91,7% das prazas ofertadas nos primeiros cursos, quedando para o 8,3% restante (317 prazas) un prazo de solicitude que remata o vindeiro 10 de novembro. En 34 titulacións (un 65% do total) a demanda do alumnado superou á oferta, limitada na totalidade dos graos, algo que non se produce no caso das universidades de Santiago e A Coruña que ofertaron 11 graos sen límite de prazas no da primeira e 10 no da segunda.
Ourense, á cabeza do incremento de matrícula
Ourense, con case un 19%, foi o campus da Universidade de Vigo onde máis aumentou a matrícula en primeiro, seguido de Vigo, onde o número de matrículas superou lixeiramente as 2.000 o que se traduce nun 13,34% de incremento, e de Pontevedra, que chegou ás 747, un 7,50% de aumento.
Por ámbitos tamén se teñen rexistrado incrementos significativos nas matriculacións destacando case o 60% acadado no de Ciencias que pechou a totalidade de matriculacións nas súas titulacións (Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; Ciencias Ambientais; Bioloxía; Ciencias do Mar e Química) superando as 250 matriculacións, cos graos de Ciencias do Mar e Bioloxía á cabeza. No Xurídico-Social o incremento no número de matriculacións en primeiro curso achégase ao 9,5%, quedando situadas en 1591. ADE sitúase á cabeza con preto de 300 matrículas e seguido de Ciencias da Actividade Fisica e do Deporte; Publicidade e Relacións Púbicas; Dereito e Relacións Laborais.
Pola súa banda as tiltulacións de Humanidades tamén rexistraron un incremento de algo máis dun 6% situándose en 364 matriculacións. Belas Artes foi a titulación máis demandada, seguida de Tradución e Interpretación Español-Inglés e Tradución e Interpretación Galego-Inglés. No caso das Enxeñarías o incremento rexistrado foi do 1,37%, cun total de 1032 matriculados, aínda que neste caso hai que ter en conta a implantación este curso por primeira vez dos novos graos na maior parte da titulacións e ademais con límite de prazas en case todos eles.
Por sexo a porcentaxe de mulleres matriculadas en primeiro supera á dos homes, un 56% fronte a un 44%. En canto á procedencia do alumnado matriculado o 96% é orixinario de Galicia (3437), o 3,6% de fóra (131) e o 0,4% son estranxeiros (15). O reitor valorou positivamente o incremento rexistrado no caso do alumnado de fóra de Galicia, aínda que “é un indicador para incrementar”.