Duvi/ A educación asegura o futuro das novas xeracións, ben formados converteranse nos futuros profesionais que levarán nuns anos as rendas das súas sociedades. Así, para os países en vías de desenvolvemento a educación dos seus mozos representa a mellor vía para o crecemento. Esta teoría alcanza unha nova dimensión coa Olimpíada Solidaria, na que as horas de estudo dos estudantes da Universidade de Vigo se converten en euros para axudar a países como Angola, Camerún, Ecuador e Haití. Con urnas na Biblioteca Central do campus de Vigo e na de Torrecedeira e en Ourense, nas salas de estudo do Edificio de Ferro e do Edificio Politécnico así como na Biblioteca Central do campus, o tempo de estudo contabilízase dende o pasado venres e ata o vindeiro 5 de novembro.
Trátase dunha iniciativa das oficinas de Voluntariado da Universidade en colaboración coa ONG Coopera, que desenvolve esta iniciativa por toda España para recadar fondos para proxectos educativos e axuda ao desenvolvemento destinados a mozos do cono sur e centrados na educación e a formación e capacitación profesional. Por cada hora de estudo nestas bibliotecas as empresas colaboradoras cederán un euro, para o que os usuarios unicamente deben deixar constancia das horas que estarán estudando e reciben billetes ficticios que se depositan nunha urna.
Unha iniciativa solidaria a través da educación
Esta iniciativa xorde da ONG Coopera en 2003 e, neste tempo, fóronse adherindo entidades, patrocinadores e países. Na edición do ano pasado, a sétima, eran xa 14 países participando e sumáronse entre todos un total de 431 salas solidarias, 34.986 participantes e 312.729 horas de estudo. O resultado dese esforzo fíxose realidade nos proxectos postos en marcha en Angola, Burundi e Niteroi (Río de Xaneiro), grazas a esas horas/euros.
En concreto, o recadado en España nesta edición irá destinado á rehabilitación de catro escolas en Haití e apoio físico e psicolóxico para a reinserción escolar de 4832 nenos tras a catástrofe do terremoto e as dificultades posteriores para reconstruír o país, ao que se lle une agora o cólera e as tormentas que asolan o territorio. Outros países destinarán a recadación a outros proxectos noutros lugares.