Duvi/ O profesor Juan Mª Pou, director do grupo de investigación de Aplicacións Industriais dos Láseres, é dende esta semana o primeiro científico español en formar parte do consello directivo do Laser Institute of America, a sociedade científica internacional de maior prestixio dentro do campo das tecnoloxías láser. O recoñecemento chega tras unha traxectoria investigadora de máis de 25 anos no campo das aplicacións e as tecnoloxías láser e supón o referendo internacional ao labor investigador que se ven realizando nos laboratorios de aplicacións dos láseres da ETS de Enxeñeiros Industriais, as instalacións que maior número e variedade de fontes láser posúen en toda a península ibérica.
“Para min é toda unha honra, pero non é un mérito meu senón un éxito de equipo”, apuntaba o catedrático vigués, que subliñou a importancia do traballo que se ven desenvolvendo nestes laboratorios dende que no ano 1982 o profesor Mariano Pérez-Martínez e Pérez-Amor abrira na escola o primeiro laboratorio español de aplicacións industriais dos láseres, “el e a profesora Betty León desenvolveron un traballo inmenso e foi o esforzo de todos o que nos levou a converternos nun referente internacional nas aplicacións industriais dos láseres”, subliñou Pou.
O equipo directivo do Laser Institute of America, LIA, está integrado por científicos de países como Estados Unidos, Australia, Alemaña, Reino Unido e Xapón, “os máis relevantes a nivel internacional dentro das tecnoloxías e aplicacións do láser”, apunta Pou, que subliña que son os organizadores do International Congress on Applications of Lasers & Electro-Optics, o foro científico internacional máis importante en tecnoloxías láser.
Colaborador habitual do LIA dende hai xa arredor de quince anos, Pou márcase como principal reto no seu novo papel como membro do consello directivo mellorar a formación dos estudantes no emprego eficiente das tecnoloxías láser, “unha materia aínda pendente”, apunta, e subliña a necesidade de establecer un programa de mínimos “que se poida asumir en calquera plan de estudo”.