Tapear no Casco Vello tiña premio… para os cociñeiros. O V Concurso de Tapas Casco Vello rematou hoxe coa recollida de premios dos tres galardonados: a Cafetería-Bar XII, o restaurante Picadillo e A Curuxa, que tamén acadou o premio á mellor presentación. ‘A perdición’, a ‘Bolsiña cruxente de verduras e queixo con salsa de frambuesa’ e os ‘Bocadiños da Curuxa’ foros os bocados elexidos polo gran público.
En total entraron a sorteo 1.450 cartillas que cumprían coas bases do concurso, é dicir, que tiveran un mínimo de 9 selos de locais participantes cubertos. Os gañadores dos tres cheques-compra por un importe de 300 euros foron Nieves del Río Otero, Ambrosio García Estévez e Peregrina Oya.
Nesta edición 18 establecementos poñían a disposición dos padais máis esixentes as tapas máis diversas. E o resultado foi bo, xa que cada tapa foi degustada por máis de 700 persoas. A calidade do produto presentado foi outro dos aspectos a destacar nesta edición, xa que moitos locais quedaron de xeito permanente con esa tapa nas súas cartas.