Camiño do cuarto de século van as recetas que preparan cada ano para facer desfrutar cada ano ao público coas comidas e postres máis deliciosos que se poden preparar con cabazo. A asociación cultural ‘O Coto’ organiza mañá no Colexio Carballal de Cabra a XXIII Festa do Cabazo, que arrancará ás 11:30 horas coa música das gaitas de Anaquiños da SCDR Helios de Bembrive, de O Serán de Salceda de Caselas e de Ecos e Agarimos do CCR Peitieiros. A media mañá chegará a lectura do pregón, que este ano corre a cargo da escritora Amparo Solla, profesora da Universidade de Vigo e delegada da Universidade na Escola de Maxisterio.
Xa pola tarde, de novo música co grupo As Zaragateiras de Mos e Froles Novas de Lavadores, ademais de disfrutar da mostra de artesanía e a mostra sobre a historia da festa, na que se amosará o proceso de cultivo, recollida, elaboración e degustación do cabazo durante todo o día.
Unha festa moi peculiar
Esta festa, aínda que gastronómica, caracterízase por intentar recuperar un cultivo que foi moi importante na zona e difundir as tradicións culinarias que tiñan o cabazo como base, participar no proceso completo (dende o cultivo ata a elaboración do produto), implicar ao maior número posible de xente e mantendo sempre algunha degustación gratuita, xa que a festa naceu como un proxecto cultural, non mercantil, e o que agora se vende é só para poder manter unha festa que medrou moito.
Con este afán por evitar a perda das tradicións, a festa recolle todas aquelas tradicións culinarias do cabazo e as dá a coñecer: caldo, flans, marmelada, chulas, pan, galletas, pisto, pasteis, empanadas de cabelo de anxo, sopaipillas, licor de cabazo… Todo feito de xeito artesanal por voluntarios e desde hai algúns anos polas panaderías P. Cerviño e P. San Cristóbal, que prestan de xeito desinteresado os seus fornos. Empréganse arredor de 200 cabazos de 40 quilos cada un doados polos veciños.