Saber moito sobre o homenaxeado no vindeiro Día das Letras Galegas terá premio. A Xunta convoca un concurso a través dos centros educativos na que os rapaces terán que facer unha exposición sobre a obra, época e lingua do escritor monfortino ou sobre a situación sociolingüística na etapa histórica na que viviu Lois Pereiro. Unha mostra pluridisciplinar onde o percorrido biográfico sexa só un pretexto para abordar unha realidade complexa e heteroxénea.
O concurso dividirase nunha categoría para os centros de educación infantil e primaria e outra para o resto. As exposicións presentadas en cada unha das categorías deberán constar de 15 carteis de 70 x 100 cm arredor dos cales elaboraranse unha serie de actividades que guíen a súa observación e fomenten o labor de investigación do alumnado. Estas deberán xuntarse á exposición en forma de guía ou cuestionario e a súa extensión non superará as 25 páxinas ata o 14 de febreiro de 2011.
Os grupos de traballo que elaboren as exposicións gañadoras recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 4.000 euros. A mellor exposición de cada unha das categorías será imprimida e distribuída en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior, tales como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros.