Non existe mellor lugar para matar a unha muller que Ciudad Juárez, en México: nos últimos dez anos centos de mulleres desapareceron ou foron atopadas asasinadas nesta cidade fronteiriza. ‘Señorita extraviada’ documenta a progresión irracional dos crimes sistemáticos de centos de mulleres novas nesta cidade da provincia de Chihuahua. Agora a película chega esta tarde ao Centro de Documentación Feminista (rúa Joaquín Yáñez, 6) ás 18 horas nun videofórum organizado pola asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo.
A cifra de mulleres asasinadas dende 1993 pasa das trescentas e o total de desaparecidas pasa das 500. Detrás destes crimes acumúlanse miles de casos de fustrigación sexual, doméstico e laboral, non denunciados, de violencia intrafamiliar non atendida e sobre todo dunha misoxinia institucional que magnificada pola prensa local serve como estímulo aos perpetradores do que hoxe se coñece como un feminicidio.
Esta situación criminal relaciónase coa violencia do narcotráfico, o desemprego, e a miseria fronteiriza en tempos de globalización forzada, orixinando o derrube de oportunidades e a contratación de man de obra feminina (pésimamente remunerada), que despraza a boa parte da forza laboral masculina…