Galicia

Estudar nos Estados Unidos non ten porque saír por un ollo da cara

Duvi/ Evitar a burocracia e reducir significativamente as taxas universitarias para estudar nos Estados Unidos. Estes son dous dos principais beneficios que o alumnado da Universidade de Vigo pode acadar participando no programa ISEP (International Student Exchange Programme), unha rede na que están involucradas sete universidades españolas e 143 norteamericanas que ten por obxectivo facilitar a mobilidade física de estudantes dos últimos anos e de posgrao e co que o custo dun cuadrimestre ou dun ano académico completo nos Estados Unidos queda reducido a preto dunha décima parte. Se un programa de estudos anual nun campus norteamericano ten un importe mínimo duns 30.000 euros, a través do ISEP coa Universidade de Vigo o pago é de 3.600 euros.

A universidade americana proporciona o aloxamento, normalmente nunha residencia estudantil dentro do campus, e a manutención. Os gastos a maiores, ademais dos billetes de avión de ida e volta ao destino elexido, son un seguro médico do ISEP obrigatorio de 56 euros ao mes, os 350 euros das taxas de tramitación e conseguir o visado tras unha entrevista de tres minutos na embaixada de Estados Unidos en Madrid. O pago farase entre xaneiro e marzo de 2012 porque así os alumnos poden pedir as bolsas habituais ao Ministerio de Educación e a Universidade de Vigo negocia con Xunta e empresas algún tipo de axuda para sufragar os gastos. Ata o de agora estanse conseguindo uns 2.000 euros por estudante.

A recomendación para ter máis posibilidades de ser unha das persoas seleccionadas para cubrir as entre 14 e 28 prazas, dependendo de se son anuais ou cuadrimestrais, que se ofertarán ata o 17 de decembro é ser flexibles á hora de elexir universidade, xa que iso eleva ata o 95% as posibilidades de ser chamado polo ISEP. Só hai que superar o bo anaco que leva cubrir todos os impresos e perderlle o medo a estar fóra todo un curso: outra das cousas que dan puntos é querer ir un ano enteiro porque a experiencia di que o que vai por catro meses sempre quere prolongar a estancia e despois xa é moi tarde para negociar co ISEP os trámites necesarios.

También te puede interesar