Son máis de 232.000 en Galicia, así que habería que mimalos. Máis de 3.000 autónomos galegos percibiron este ano algunha axuda da Consellería de Traballo e Benestar para o desenvolvemento da súa actividade profesional, unha liña de subvencións pensada para potenciar o autoemprego nun momento de crise e axudar nos gastos de organización e funcionamento de entidades asociativas de traballadores autónomos.
Unha boa iniciativa para un dos sectores máis numerosos de Galicia, xa que un de cada catro traballadores afiliados á Seguridade Social pertence a este colectivo. Mentres en España os autónomos representan un 17 por cento do total de traballadores, en Galicia esa cifra aumenta ata case o 23 por cento.