_agenda Agenda

De fuxidos e animais, todo para os máis pequenos

A tarde non se presta a paseos, o tempo é frío, pero si a saír da casa para disfrutar durante unha horiña con teatro do bo pensado para o público familiar. Ás 18 horas no auditorio municipal, Talía Teatro representa o seu ‘Valentino Rufino e Âkil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can)’, 50 minutos de risas situados no século XVIII en Italia.

Cóntase a historia do cabaleiro Valentino Rufini, que de regreso á súa casa en Milán é abandonado polo seu criado, que lle marcha cos cartos. Só, cargando co seu baúl de viaxe e coa faldriqueira baleira, decide pasar a noite nunha casa en ruínas no camiño por onde pasa a carruaxe a Milán. No mesmo lugar decide tamén pasar a noite Dannielo Pillabán, a quen a súa ama deixou composto, sen cartos e cun baúl cheo de traxes de señora ostentosa vida a menos. Ambos os dous coñeceranse e compartirán a noite, e con ela desexos, sospeitas e medos, mentres agardan a que de mañá pase a carruaxe. Entrada: 5 euros adultos e 3 euros nenos ata 12 anos.

Unha hora máis tarde, ás 19 horas, a AVCD-CSCR de Beade acollerá ‘Os 4 da Xunqueira’, de Limiar Teatro. Unha hora na que catro amigos foxen da cidade na procura dun lugar para vivir. Can, Boi, Gata e Galo xúntanse polo camiño e unindo esforzos atopan o seu fogar no mundo rural. Xuntos deciden viaxar ata a Xunqueira para dar sentido ao seu proxecto musical… e moito máis. Entrada de balde.

También te puede interesar