Unha delegación de 8 produtoras e discográficas galegas participarán na Feira Internacional de Música de Brasil, o encontro máis importante para a difusión musical de toda América Latina que este ano se celebra en Belo Horizonte, capital do estado de Minas Gerais. A música galega estará presente neste certame mediante a misión comercial emprendida polos xerentes das empresas Ouvirmos, Esmerarte, A Central Folque, Berrogüetto Producións, Falcatruada, Keltia, Nalgures e Nordesía.
No encontro distrubuirase material promocional e discos baixo a marca Galiciantunes, a enseña común utilizada por institucións públicas e empresas privadas galegas para a difusión no exterior da música producida actualmente en Galicia. Pero, ademais, Joaquín Martínez Silva, presidente de AGEM, participará ademais o 9 de decembro na mesa redonda ‘Negocios Internacionais de Música’.
Xa o ano pasado algunhas compañías e grupos galegos chegaron a un acordo de cooperación con grupos mineiro na World Music Expo de Copenhague para a promoción musical entre Agadic e a Secretaría de Estado de Cultura de Minas Gerais. Froito dese acordo, os cantantes brasileiros Kiko Klaus e Érika Machado actuaron o pasado 26 de novembro en Pontevedra no marco do Culturgal, a feira das industrias culturais, á que tamén viaxou unha representación comercial brasileira.
Na vindeira semana, as prioridades desta primeira incursión conxunta da industria musical de Galicia na FMB é promover o traballo das distribuidoras galegas como ponte para os artistas e grupos brasileiros cara á súa introdución no mercado europeo, así como impulsar a proxección da música galega en Brasil e, por extensión, no resto de América do Sur.