Comarcas

O candidato á Alcaldía de Redondela polo PP reclama un novo aparcadoiro soterrado na vila

parkingO Partido Popular de Redondela vén reivindicando nos últimos anos a necesidade dun aparcamento subterráneo ante os problemas de estacionamento que se presentan tanto no centro da vila como nos seus arredores. “Despois de tantas peticións e solicitudes parece que abriron os ollos e se decataron do problema pero a pesares de que declaran tomar medidas estas aínda non se puxeron en marcha e os problemas de aparcamento seguen existindo en Redondela, para mal de todos os veciños e, sobre todo, en detrimento tamén dos comerciantes. O final, vai resultar que si existen problemas de aparcamento no casco urbano da vila, aínda que ao bipartito redondelán lle custou recoñecelo” explicou Javier Bas, presidente da xestora e candidato á Alcaldía.

Foi o pasado mes de xuño cando o concelleiro responsable de Tráfico facía unhas declaracións na prensa, recoñecendo estes problemas de estacionamento na vila, formulando a construción dun segundo aparcamento subterráneo no casco urbano, co que se pretendía levar a cabo a remodelación integral da Praza de Ponteareas. Así mesmo, tamén se manifestaba que a Concellería de Tráfico habilitaría novas zonas de aparcamento no barrio de Vilavella mediante o aluguer duns terreos nas inmediacións do histórico convento. Ante estas declaracións, o Partido Popular de Redondela recórdalles a todos que a remodelación de dita praza aparecía xa no programa electoral dos socialistas no ano 2003, “e semella que sete anos é tempo de abondo para tela rematada xa; trátase dunha mostra máis de tiros ao aire, de promesas incumpridas”. No entanto, os populares farán un seguimento destas declaracións do señor Reguera, feitas fai xa medio ano, para obter información dos traballos levados adiante neste asunto polo bipartito, na espera de que desta sexan realidades e non tarden en cumprir o prometido, polo ben de todos, veciños e visitantes

También te puede interesar