Todo o recadado irá a parar a colectivos que traballan a prol dos máis desfavorecidos. Vigolandia abre as súas portas do 26 ao 30 de decembro no Ifevi, onde se habilitarán máis de 20.000 metros cadrados como espazo de lecer e entretemento para toda a familia. O ano pasado máis de 21.000 persoas pasaron pola “perla” da programación de Nadal do Concello de Vigo, onde haberá grande variedade de actividades, dende inchables e obradoiros, ata zonas deportivas, parques de educación viaria ou teatro. E todo a prezo de crise: 2 euros para os menores de 14 anos e 3 para os adultos.
De xeito paralelo haberá outras actividades de lecer, como as visitas do Carteiro Real virtual do Auditorio Municipal (hoxe e mañá en horario de 17 a 20 horas, o venres de 11 a 13 horas e xa a partir do domingo recollerá as peticións en horario de mañá e tarde) ou obradoiros e contacontos infantís na lonxa do Concello.