Todos a unha, como Fuenteovejuna pero a nivel uniforme. O Diario Oficial de Galicia xa publicou hoxe a orde que establece os elementos de configuración externa e o deseño para o marcado e rotulación dos vehículos da Policía Local e dos vixiantes municipais en toda Galicia, creando unha identidade específica, común e distintiva dos corpos de policía local de Galicia cunha imaxe corporativa compartida.
A nova orde afecta a os medios de mobilidade, tanto turismos, monovolumes, todo terreos ou furgonetas a motocicletas, bicicletas ou medios acuáticos. Os vehículos de catro rodas deben levar un dameiro en cor azul e branca reflectora, os logosímbolos dos corpos de policía local, a placa policial co escudo do concello, o teléfono de emerxencias 112 ou 092, o escudo de Galicia, os elementos de retrorreflectancia e a numeración e lenda do teito dos vehículos, que levarán no teito as letras PL e un número de dous díxitos como identificación.
Mentres, as motocicletas terán un deseño e rotulación similar ao dos vehículos de catro rodas, como poden ser o dameiro, logosímbolos, teléfonos de emerxencia… e irán equipadas cun mastro de luces, luces tipo led, serea, mando de control, carenado dianteiro para a protección aerodinámica, barras de protección laterais e maletas homologadas e/ou compartimentos de carga, con capacidade para aloxar o equipamento básico e as prendas de reserva do motorista.