É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másUn galego entre os 12 membros da Unesco encargados de elixir o Patrimonio Cultural Inmaterial que se debe salvagardar
Noemí Rey/Duvi/ Terá na súa man decidir se a candidatura merece ser considerada Patrimonio Cultural Inmaterial ou non. Pablo Carpintero, artesán e investigador do Proxecto Ronsel, acaba de ser escollido como un dos 12 membros independentes que integrarán o órgano consultivo da Unesco para avaliar as propostas presentadas para formar parte da lista de salvagarda urxente, do rexistro de mellores prácticas e as solicitudes de asistencia internacional por montantes superiores a 25.000 dólares americanos. “Vai supoñer moito traballo, pero poder elixir as obras mestras da humanidade é un orgullo. É unha oportunidade de coñecer a todo o mundo relacionado con este ámbito”, recoñeceu con humildade Carpintero. Antigo profesor de Bioquímica, artesán, músico e investigador a prol da recuperación das tradicións musicais galegas, Carpintero terá que mesturar o seu criterio persoal coas cuestións técnicas marcadas dende a Unesco para “decidir que manifestación cultural ten prioridade, porque todas merecen a pena pero algunhas corren máis perigo ou son máis útiles”, asegurou.
A primeira toma de contacto será o vindeiro mes de xaneiro en París, nunha reunión na que os 12 membros desta comisión recibirán o dossier coa documentación das 56 candidatas a formar parte do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco ao longo do ano. A partir de aí, moito traballo a través da rede para ir facendo un informe valorando se se adecúan ou non ao que pide a Unesco e que debería estar listo para o novo congreso na capital francesa en xuño. Sen embargo, haberá que esperar ata novembro para saber que se poderá engadir a unha lista da que hai apenas un mes entrou a formar parte o flamenco, a dieta mediterráneo, os ‘castells’ ou o canto da Sibila de Mallorca por parte de España.
20 Coca-Colas perdidas ao día
Este nomeamento supón o recoñecemento a catro anos de traballo no Proxecto Ronsel, “sen o que non estaría dentro desta comisión”, segundo recalcou Carpintero, e demostra que dende a entidade “o traballo que estamos facendo está ben orientado, que conta co recoñecemento internacional e que Galicia ten un dos mellores especialistas en patrimonio inmaterial do que deberiamos sentirnos orgullosos”, explicou Iván Area, coordinador do Proxecto Ronsel, que xurde ao abeiro da Universidade de Vigo coa idea de facer un inventario do Patrimonio Cultural Inmaterial galego, salvagardalo e poñelo en valor coa súa promoción, difusión e transmisión.
Coa colaboración de 50 especialistas, Ronsel elaborou un plan sobre as necesitades técnicas e os planos para tender unha ponte entre as administracións, as universidades, as asociacións e as propias comunidades de portadores de coñecemento tradicional. Incluso enriba da mesa da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia está esperando o visto bo toda a documentación para solicitar o ingreso do patrimonio inmaterial galego na listaxe de Boas Prácticas. “Nun momento como o actual, de crise, o patrimonio inmaterial pode achegar solucións e propostas para a cohesión social, para implantar valores de sustentabilidade, de traballo en equipo…”, recorda Area. Para facernos unha idea, o coordinador do Proxecto Ronsel pon un claro exemplo: a Coca-Cola. “É material porque existe fisicamente, pero a súa fórmula secreta, tan buscada, é inmaterial. Pois cada día morren 20 fórmulas da Coca-Cola que axudarían a dar sustentabilidade”, rematou.