Noemí Rey/Duvi/ Foi case unha década de investigacións moi accidentada e complexa, xa que partían de cero e tiñan por diante unha análise que abranguía moitos campos de traballo distintos. O resultado: confirmaron que os cabalos do demo poden criar sen a necesidade de machos, algo que se dá noutras especies de insectos pero que no caso das libélulas só se produce nas illas Azores. A investigación xurde a partir dun libro publicado en 1990 na que dous investigadores sospeitan de que a poboación de libélulas nesta zona está composta só por femias.
O profesor Alfonso Cordero, da Universidade de Vigo, tomou nota mental e nunha expedición á illa do Pico no 2000 aproveitou para recoller larvas que estudar no laboratorio. O resultado final foi a tese ‘Reprodución sen sexo: o caso da libélula Ischnura hastata nas illas Azores’, de Olalla Lorenzo. Tras nove xeracións e máis de 2.000 crías, quedou constatado que todas son xeneticamente idénticas ou cunha variabilidade moi pequena, o que non lles dá capacidade para adaptarse no caso de cambios. “A súa supervivencia é grazas ao ambiente estable das Azores: viven en charcas con poboacións de máis de 5.700 individuos e chove con frecuencia, así que non secan. Non teñen competencia nin depredadores, como poden ser as rás”, asegura Lorenzo. O obxectivo agora é estudar o parasitarismo, xa que parece que “agás catástrofe” non hai nada que as afecte.
Colonización natural
Aínda que a Ischnura hastata pode atoparse por toda América, dende Canadá ata o sur de Colombia e incluso no Caribe, só nas Azores opta pola partenoxénese ou reprodución asexual, sen necesidade de macho. O que teñen claro os investigadores é que “a separación da poboación asexual sucedeu relativamente hai pouco, xa que non hai moita variedade xenética. Cremos que chegaron un puñado de femias que xa tiñan esta capacidade de reprodución e que a partir de aí foron criando clons ata quedarse coa que tiña a xenética predominante”, razoa a autora da tese.
Como un insecto de apenas 2,5 centímetros de lonxitude cruzou o Atlántico é outra das incógnitas. Unha das opcións sería que uns poucos individuos chegaran ata as nove illas que compoñen as Azores a través da corrente de aire do Golfo, que comeza o seu ciclo en México e que pasa por riba do arquipélago portugués á volta; a outra, que o home a introducira accidentalmente, xa que había moito tráfico de barcos dunha beira á outra.