Unha concentración de preto de 10 días cun combinado marroquí composto de deportistas de moi alto nivel para preparar o Campionato de España. A selección galega de combate absoluta feminina iniciará mañá unha concentración no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra cos mellores deportistas para estar a punto para unha competición para a que aínda non hai data. É o relevo da selección masculina, que a semana pasada traballou con deportistas de Portugal.
O combinado de Marrocos estará composto por algunha das mellores deportistas, todas situadas nos primeiros postos do ranking da Federación Mundial de Taekwondo. Ademais, tamén participarán na concentración dúas deportistas belgas: Maryam Ismaili e Luna Flores, que chegan xunto ao adestrador Moustapha Akhouh.
A selección galega que participa nesta concentración está formada por deportistas xa consagradas a nivel internacional e novas figuras que veñen apertando forte: Laura Lorenzo (Tao), Miriam Docampo (As Sport), Marta Iglesias (Patiño) por primeira vez na selección, a campiona de España universitaria Nazaret Tilve (Do Yang), Lucía Ferrari (Patiño), Andrea Rica (Tao), Katia Calvar (Mat´s), a tamén campiona universitaria Fani Hernández (Natural de Ribeira), Xisela González (Do Yang), Lúa Piñeiro (Olimpic), Lara Ouviña (Natural), Cristina Baena (Mace Sport), Sara Baños (As Sport) e Carla Balado (Mat´s).