Pasarrúas musical e narración de contos para amenizar calquera paseo pola zona peonil do Calvario. Esta tarde, a partir das 18 horas, o grupo Tou-po-rou-tou deleitarán a todos os peatóns cun extracto do seu derradeiro traballo, ‘Vicentinho e as árvores da Paz’, baseado nos contos de Anxo Moure e adaptados por Servando Barreiro que falan de paz, solidariedade e respeto á natureza, fomentando a reciclaxe, a reutilización, os contacontos e a maxia da música en galego.
Organizado pola Asociación de Comerciantes do Calvario, o pasarrúas comezará frente ao mercado do Calvario e percorrerá toda a zona peonil. Deste xeito a asociación pretende concienciar aos mais pequenos en temas medioambientais, dar a coñecer os instrumentos tradicionais galegos, fomentar a participación dos nenos e nenas e achegar a eles o mundo dos contos e as cancións.
Tou-po-rou-tou naceu no ano 2003 como grupo de teatro infantil a base de contos, música e danza con representaciones en colexios, ludotecas, festivais, centros culturais de toda Galiza e representacións no festival “Andanças” en São Pedro do Sul (Portugal).