Moito teñen que chamar para poder aforrar semellante cifra na factura do teléfono. A Xunta renegociou as condicións contractuais das máis de 3.100 liñas de teléfono non integradas na Rede Corporativa da Xunta e que dan servizo a 1.500 centros dependentes de consellerías e outros organismos autonómicos, co que espera aforrar 1,7 millóns de euros só este ano coa optimización de recursos.
A Xunta conta con máis de 150 edificios e 14.000 extensións espalladas por toda Galicia e, tras unha auditoría, detectáronse estas 3.100 liñas non integradas que non tiñan as mellores condicións. Estas liñas facturaron o ano pasado preto de 2,7 millóns de euros, que ao longo deste ano reducirase ata o millón de euros tras ofrecer Telefónica unha tarifa plana con número ilimitado de chamadas metropolitanas e un 60% de desconto na factura. Mentres, para móbiles e números internacionais terán de balde o mesmo número de minutos consumidos no 2009 máis un 16% máis.