Galicia

Sherlock Holmes tería moito que aprender

Duvi/ González foi asasinado na súa casa cun revolver que pertencía a Pérez. Pérez necesitaba diñeiro para saldar débedas. Pérez odiaba a González dende facía tempo. Pérez era amante da muller de González, única beneficiaria do seguro de vida do marido. Dúas testemuñas fidedignas viron a Pérez saír da casa de González dez minutos despois da hora estimada do seu deceso. As pegadas dixitais de Pérez foron atopadas na arma empregada para asasinar a González. A muller de González recoñeceu que tiña conspirado con Pérez para asasinar ao seu marido. Cal é o veredicto?

Nunha primeira lectura ás premisas sentenciaríamos que Pérez asasinou a González. Sen embargo, esta conclusión non é unha certeza deducida, non temos garantida a verdade, estamos dando en realidade “un salto á mellor explicación posible”. Este proceso de interpretación, habitual na vida cotiá, adquire especial importancia polas súas repercusións no caso de xuíces e xurados populares. Para contribuír a que as súas sentenzas teñan a maior forza e criterio posible, un grupo de profesores de Filosofía do Dereito traballan desde xaneiro no proxecto de investigación Razoamento abdutivo e argumentación xudicial, liderado por Pablo Raúl Boronino, docente da Facultade de Dereito de Ourense, e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

“Os argumentos abdutivos son moi comúns nas novelas policiais, sobre todo naquelas nas que un detective, como por exemplo Sherlock Holmes, descobre como se cometeu un crime e ao seu culpable, ás veces incluso sen moverse do seu despacho” explica o profesor Boronino. Na práctica xurídica a abdución soe empregarse tanto para guiar a investigación xudicial como para fundamentar os seus resultados, ao avaliar as probas e interpretar as normas. Este proxecto de investigación proponse “determinar un método e uns criterios que nos permitan clasificar as abducións e identificar cando estamos diante dunha boa abdución e en que medida”. O desenvolvemento desta metodoloxía permitiría aos xuíces ditar sentenza empregando os argumentos máis fortes, as abducións que se mostren máis sólidas en base a criterios establecidos.

También te puede interesar