Colapso de tráfico nas entradas e saídas de Redondela cada día, contaminación e atascos que “repercuten moi negativamente no comercio e na hostelería local, afectando á calidade de vida dos veciños provocando ruídos e un maior gasto de combustible“. Así describe Javier Bas, presidente da Xestora municipal do PP e candidato á Alcaldía de Redondela a situación que produce a falta de aparcamento na vila, un problema que se vén arrastrando dende sempre, “pois ao crecemento desordenado das edificacións, habemos de sumar a falta de actuación no ámbito dos aparcadoiros en superficie, cuxa insuficiencia non é posible soportar ano tras ano coma se non fose este un problema sen consecuencias”.
Dende o Partido Popular recordan que o Goberno municipal prometeu hai meses habilitar e acondicionar determinadas zonas como aparcadoiros en superficie para tratar na medida do posible a escaseza de prazas no núcleo urbano da vila, ou incluso a posibilidade de poñer en marcha unha serie de aparcadoiros disuasorios á entrada dos núcleos urbanos de Chapela e de Redondela, pero aínda non se levou a cabo ningunha destas medidas. Como alternativa, os populares propoñen unha parcela na zona de Vilavella, na que sería posible acomodar un número bastante elevado de prazas de aparcamento.