Ningún concelleiro quere asumir como propia a xestión do Goberno municipal de Redondela. É o que asegura o Partido Popular local, que denuncian a negativa ante as súas solicitudes de comparecencia nas sesións plenarias. “Unhas formas de facer as cousas que nada teñen que ver coa xestión, a planificación, a orde, a transparencia e a eficacia, e a cota máxima de todo isto prodúcese cando xa nin sequera a petición da oposición se dan as oportunas explicacións sobre temas fundamentais para Redondela como é o da partida do 1% cultural”, asegurou Alberto Pazos, voceiro do grupo municipal do PP.
O Partido Popular volta preguntar ao concelleiro de Patrimonio, Eduardo Reguera, cales foron ou son os proxectos que se presentaron para optar a un un por cento do orzamento das obras do AVE. Aínda que nun primeiro momento contestouse que o proxecto destinado era a pasarela peonil do viaduto Floriani, ante a falta de documentación os populares voltaron preguntar e o concelleiro negouse a comparecer no pleno. “Queda ben claro que nunca se chegou a iniciar ningún proxecto, nin existen tampouco expedientes solicitando esta partida, polo que Redondela quedouse sen uns fondos moi importantes para investir en algo que nos pertence a todos como é o noso patrimonio cultural”, recordou o edil popular. Deste xeito dan por perdidos os 98 millóns de euros que habería para proxectos de conservación do patrimonio con cargo ás obras do AVE, xa que Redondela tiña preferencia na asignación por ser un dos municipios polo que atravesa a alta velocidade.