Dez empresas ‘pecharán’ aos 32 universitarios máis brillantes das tres universidades galegas na Illa de San Simón durante tres días para ‘sometelos’ a unha competición na que o debate será o eixo principal. Entidades como Repsol, Blusens ou o Banco Pastor participarán entre o 6 e o 8 de abril no Fórum Cicerón, un evento pensado para que os talentos galegos non se desaproveiten e teñan un escaparate para que as empresas se fixen neles.
No foro o coachig, unha técnica creada para mellorar as habilidades de calquera persoa a nivel profesional ou personal, será unha das estrelas. O encargado, Joaquín Dosil, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que a través de QCoach, unha spin off da Universidade de Vigo, dalle resposta ás principais demandas en formación das empresas da comunidade que, ante a crise económica, están a apostar polo factor humano para “sacarlle o máximo rendemento á plantilla que xa teñen”.
Aínda que o termo do coaching sempre se asocia ao mundo dos negocios e da alta dirección, Dosil explica que “estes cursos son convenientes para todas as profesións”. Deste xeito defenden a posibilidade de que todas as titulacións universitarias inclúan no seu plan de estudos algunha materia relacionada coa técnica do coaching, aínda que xa hai mestrados que se preocupan por potenciar habilidades relacionais.