Os ‘Roteiros pola costa’ do Museo do Mar arrancan este domingo cos paseos pola historia e a natureza da costa viguesa guiados por historiadores, arqueólogos e biólogos que traballan no equipo do museo. A primeira ruta nace na Vila Real de Bouzas. Partindo da Alameda Suárez Llanos a visita percorrerá as rúas de vella raigame histórica e as arquitecturas de maior interese. Pero ademáis a visita servirá para valorar o pasado e presente industrial de Bouzas e a súa estreita relación co mar a través das factorías de produción de conservas e os seus asteleiros. A saída, ás 11 horas, non se cancelará aínda que chova.
A rota continuará pola parroquia de Alcabre, onde se explicará a factoría de Salazón Romana, a Villae da Punta Do Fiunchal e a Villae Romana de Punta Borralleiro na Praia Do Cocho. Deterase tamén na Igrexa Parroquial de Santa Baia, do Barroco Tardío, coa súa Casa Reitoral e Cemiterio, e continuará polo Pazo de Sensat, as praias do Cocho e de Mourisca e o Castro da Punta do Muíño para chegar ao Museo do Mar de Galicia, onde remata o percorrido.
Os roteiros pola costa terán lugar durante todo o ano, unha mañán de domingo ao mes. As diferentes rotas darán a coñecer a historia da ocupación da costa e os cambios sufridos pola mesma, as claves para recoñecer as partes que compoñen o medio costeiro mais próximo e a flora e a fauna que rodea ao medio mariño que se está explorando. O 10 de abril será a quenda das marismas do Lagares e o 8 de mario do medio litoral. Para anotarse: inscribirse na web do Museo ou chamando ao número de teléfono de información do museo 986 247 691.