Duvi/ Moitos retos para tempos convulsos: novo espazo educativo, adeus ás especialidades, unha crise mundial… Todo en medio dun longo proceso para conseguir unificar as dúas Escolas de Enxeñería Industrial do campus, unha integración non exenta de dificultades pola gran envergadura docente e estudantil dos centros e pola súa longa historia. O resultado: seis novos graos, 700 alumnos e o último ano que San Xosé se celebra por separado. Os enxeñeiros industriais festexaron hoxe o seu patrón cun acto centrado na era post fusión e na importancia da formación nas novas xeracións de profesionais para sobrevivir no duro mercado laboral. “Houbo non poucos problemas que tiveron que arranxarse sobre a marcha, camiñando a modo pero con pasos seguros e eficientes. A problemática dun centro destas características fai que o consenso sexa fundamental para que a escola siga sendo o buque insignia da Universidade de Vigo”, explicou Luis González Piñeiro, director da EEI.
A súa fama de carreira dura fixo que a primeira recomendación dos expertos sexa precisamente rematar os estudos para enfrontarse “a un mercado laboral moi liberalizado no que tendes un oco importante reservado a pesar da tabula rasa que queren facer con todas as ramas”, subliñou Constantino García, vicedecano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais. A razón é sinxela: a man de obra é fácil de mover, pero “o coñecemento é difícil de conseguir”. Nese mundo competitivo, a Escola de Enxeñeiros Industriais actúa como marca de calidade profesional, xa que foi capaz “de levantar a industria viguesa, que hoxe en día compite coas dos países máis avanzados do mundo”, recordou o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Un claro exemplo é o proxecto europeo Civitas para a implantación do vehículo eléctrico, que Vigo lidera xunto con Inglaterra,Turquía e Suecia e no que “o noso desenvolvemento estratéxico sodes vós”.
Cara as enerxías renovables
O coche eléctrico, cos seus desafíos medioambientais e industriais, foi precisamente o protagonista da conferencia maxistral. O director xeral de PSA Peugeot-Citroën en Vigo, Pierre Ianni, fixo un percorrido pola historia do automóbil que axudou aos futuros enxeñeiros a ver claro que non hai nada inventado, senón que as novidades parten da mellora de produtos xa existentes. Entre os anos 1890 e 1900 os coches a gasolina competían cos eléctricos no mercado, pero a chegada do sistema de Ford para a fabricación en masa fixo decantarse ao público, que pasou de ter que pagar 1200 dólares da época a tan só 120. Hoxe en día polas estradas circulan 700 millóns de coches, 60 millóns novos cada ano, pero a sociedade está máis concienciada, polo que a industria da automoción, factor clave do desenvolvemento dun país, ten que adaptarse ao que o consumidor quere. Por iso as enerxías renovables e a súa aplicación aos vehículos do futuro son un reto para os enxeñeiros, que teñen na factoría viguesa un exemplo de adaptación aos novos tempos. “Estamos ao inicio dunha nova era social e industrial e dentro de 100 anos recordarannos como pioneiros como nós recordamos agora aos pioneiros da industria do automóbil”, recalcou Ianni.
O problema da aplicación destas novas tecnoloxías radica no sobrecusto que teñen, o que provocará, por exemplo, que os particulares sexan os últimos en incorporarse á compra dos vehículos eléctricos. Nese camiño é onde o traballo dos enxeñeiros é fundamental. “Somos verdadeiros adictos á enerxía. Vimos dunha época na que o prezo era moi barato e agora é preciso montar un novo modelo enerxético limpo, modificando as pautas do consumo tanto nos fogares coma na industria. A especialización nas enerxías renovables é o futuro”, explicou Eliseo Diéguez.