Galicia

A industria dos videoxogos guiará o temón da televisión interactiva

Duvi/Durante os últimos anos, tanto a industria dos videoxogos como a da televisión experimentaron cambios tan transcendentais que están provocando o seu achegamento. Fenómenos como a aparición da TDT ou o desenvolvemento de xogos cun alto custo de produción desencadean que o negocio dos videoxogos busque novas fontes de ingresos así como novos públicos. Este contexto, descrito pola profesora Beatriz Legerén na súa tese de doutoramento La TVi como plataforma de explotación de videojuegos: cambios en la forma de consumo y en los modelos de negocio, esixe un decodificador que permita, ademais de xogar, a posibilidade de acceder a calquera outro contido audiovisual, e “todo indica que as empresas propietarias das consolas, debido ao seu achegamento aos broadcasters tradicionais, serán as que brinden ese servizo”, recalca Legerén.

A investigadora formula a hipótese de que a televisión interactiva é a estratexia de negocio que necesitan as empresas do sector dos videoxogos para consolidar o seu desenvolvemento, camiño posible desde 2006, cando a normativa europea anunciaba o apagón analóxico coa chegada da TDT, o que supuña “unha porta aberta para novos canles, novos servizos, novos programas e tamén para a interactividade”. Paralelamente a industria dos videoxogos estaba nunha situación de transición provocada polo lanzamento das consolas NextGen (nova xeración) “como Wii ou PlayStation 3”, o que implicou o desenvolvemento de produtos cada vez máis caros “que precisan máis tecnoloxía, máis tempo de traballo e máis equipo humano”. Este encarecemento do proceso de produción “fixo evidente as limitacións do modelo de negocio tradicional do sector para conseguir a amortización necesaria”, polo que se detectou a necesidade de atopar novos públicos e novas fontes de ingresos “máis aló das vendas a través das tendas tradicionais” a través da industria televisiva.

Televisión, internet e videoxogos nun único soporte

Agora ben, para que esa ‘fusión’ se produza é necesario un decodificador que achegue o fenómeno da propia interactividade, “rol que será asumido polas propias videoconsolas e que permitirán ao mesmo tempo emitir en TDT”. Esta suposición deriva nunha confluencia de soportes no que, “ a través dun só aparello accederemos á televisión, internet e videoxogos”. Este novo uso das consolas como decodificadores de televisión “máis que unha nova forma de acceder aos videoxogos vai desencadear nunha nova forma de acceder e entender a televisión”, engade. Como consecuencia deste interese do mundo dos videoxogos no negocio da televisión, “empresas como Sony ou Microsoft, que antes non se preocupaban polo mundo dos contidos televisivos, están asinando protocolos de acordo con canles de televisión”. Pero, ao mesmo tempo, os fabricantes das pantallas de televisión están a traballar na incorporación de decodificadores de sinal dixital nos seus productos así como outros mecanismos para posibilitar o acceso a internet, “coa intención de recuperar o interese da audiencia que se está derivando a outros soportes”.

You may also like