Duvi/ O ámbito tecnolóxico representa o 55,11% das ofertas de emprego xestionadas pola Oficina de Orientación ao Emprego, OFOE, desde o 1 de abril de 2010 ata o pasado 15 de marzo. Segundo o informe elaborado por este servizo, os enxeñeiros industriais son os máis buscados polos empresarios, xa que teñen un perfil máis versátil e son capaces de desempeñar funcións tanto de oficina como a pé de campo. Pero as boas novas son para todos os enxeñeiros, xa que a pesares da ralentización económica e da caída da produción a previsión de demanda en calquera das especialidades é alta.
E é normal que sexan cada vez máis os que deciden estudar unha das enxeñerías: un recén titulado cobra un soldo medio de 24.000 euros ao ano, un salario que ascende ata os 40.000 cando se teñen apenas catro ou cinco anos de experiencia. Segundo o informe da OFOE, 4 de cada 10 postos ofertados son de produción, seguidos dos de I+D (18,6%) e dos de consultor-asesor (11,5%). Outro dos datos clave: o 17% dos contratos firmados son indefinidos.
XI Foro Tecnolóxico
A presentación do informe tivo lugar na primeira xornada do XI Foro Tecnolóxico de Emprego, unha actividade que arrancou hoxe no campus de Vigo e que supón a cita anual dos máis de 6.000 matriculados das cinco escolas de enxeñaría da Universidade co mundo laboral. O encontro coas técnicas da OFOE foi a primeira cita dun programa que se vai estender ao longo de toda a semana e que supón o desembarco no campus de 23 empresas de primeira liña internacional (Repsol, R, Alcoa, Babel, Egatel…) que aproveitarán estes días para facerse cunha boa carteira de currículos das novas fornadas de enxeñeiros.