Duvi/ Coñecer os topónimos galegos será tan sinxelo como navegar pola rede. A Universidade de Vigo está ultimando unha páxina web sobre microtoponimia e talasonimia que porá en marcha en breve xunto cunha topopedia que pretende aglutinar máis de seis millóns de termos e servir de buscador para os expertos de incluso grupos toponímicos por sufixos. Un arduo traballo para o que aínda non hai data concreta, un salto á rede no que o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) de Gondomar colaborará cedendo todo o material recollido nos últimos anos a cambio do asesoramento dos investigadores da Universidade viguesa. Para poder levalo a cabo, ambas entidades asinaron este venres tres convenios de colaboración, un marco e dous específicos sobre temas de microtoponimia e sobre arqueoloxía e historia antiga.
Con este convenio, o IEM traballará na recollida exhaustiva de materiais para enriquecer e completar a web desenvolvida pola vicerreitoría de Extensión Universitaria, pero tamén para vencellar o Campus do Mar ao eido cultural, xa que con el “ábrese un amplo abano para o estudo de todo o referido á talasonimia, embarcacións tradicionais… campos nos que o instituto está moi metido dende hai 11 anos“, explicou Carlos Méixome, o seu director. Un Campus de Excelencia que convertirá á Universidade no referente mundial do mar “non só no relacionado coa pesca ou a acuicultura, senón tamén sobre como crear pontes de coñecemento cara ao futuro para desenvolver unha contorna duradeira, unha transformación da relación que sempre tivo o pobo galego co mar”, subliñou Salustiano Mato.
Outro dos convenios asinados levará ás dúas entidades a colaborar en temas de arqueoloxía, etnografía e historia antiga que compromete á Universidade a prestar a asistencia técnica necesaria para as prospeccións arqueolóxicas que o IEM está a levar a cabo en xacementos paleolíticos da bacía media do Miño. Mentres o instituto miñorano prestará asesoramento nas excavacións do xacemento neolítico do Monte das Pedreiras e no asentamento calcolítico do Monte das Cabanas, aínda que sempre baixo a dirección de especialistas da universidade viguesa. Un dos primeiros proxectos que fructificará a través deste convenio específico será a realización de cursos de verán máis ou menos extensos para que alumnado ou titulados da Universidade de Vigo participen nalgunha das excavacións programadas en Portomaior ou na Finca do Cabrón, xa abertas polo Instituto de Estudos Miñoranos.