Comezou hai máis de 20 anos, cando por casualidade cruzou o seu camiño co dun grupo de xente xa versada do tema. Dende entón non puido escapar ao feitizo da espeleoloxía. Anos de esforzo que lle valeron a María Luisa Barros unha nominación a mellor deportista do ano, un título que podería recoller mañá na Gala do Deporte de Vigo que se celebrará no Centro Cultural Novacaixagalicia. “Sería un premio ao traballo non só meu, senón de equipo, un recoñecemento que serviría para que a xente coñeza este deporte minoritario. Nos estamos metidos na gruta e case non se nos ve”, explica con humor a espeleóloga.
Para logralo terá que convencer a un xurado composto por personalidades da vida deportiva, política e social da cidade, e pasar en méritos aos 42 deportistas nomeados polas federacións dos distintos deportes, dende os que contan cunha grande masa de seguidores, como o piragüismo, o baloncesto ou o remo, ata os máis minoritarios, como a esgrima, a pelota vasca ou tiro con arco. Son estes deportes minoritarios os que máis esforzos teñen que facer para tirar cara adiante. “Os sponsors non están pola labor, aos espeleólogos nas expedicións non se nos ve. Así que na maioría dos casos dependemos dos nosos propios medios para acudir ás competicións“, recorda María Luisa.
Un escenario mal repartido
Aos seus 41 anos, leva media vida facendo espeleoloxía da man do Club Aradelas. Gañar velocidade, mañas, resistencia… son moitos os aspectos a ter en conta á hora de competir, e moitas horas ás que se lle deben dedicar. Ata non fai moito o club entrenaba no pavillón de Sárdoma: unha día á semana para tratar a parte técnica, tres se queres competir. E a iso hai que sumarlle as expedicións da fin da semana. Ao final vives case toda a semana para este deporte. “É como un traballo, pero non remunerado. Chegaba con que os futbolistas repartiran a metade do seu soldo entre todos os deportistas de actividades minoritarias”, lamenta María Luisa, subcampeona galega e de España.
Nacido como unha ciencia, a mediados do século pasado o afán dos homes por batir récords de profundidade deriva na vertende deportiva dunha modalidade que require unha grande actividade física onde o 80% do exercicio é aeróbico. Cargados de material para baixar e subir, con longas esperas… o deporte é todo menos cómodo. “Rompes as unllas, estás cheo de barro, ás veces mollado… sen embargo, é un deporte capaz de adaptarse, con covas para todos os públicos, nos imos con nenos e persoas maiores… Iso sí, aos que empezan recoméndolle ir sempre con alguén con experiencia, para non pasar medo e querer volver”, asegura a deportista.
Con varios torneos autonómicos e estatais, dos que só tres son puntuables xunto co Campeonato de España, nestes intres María Luisa está competindo unha categoría por debaixo da súa, na cadete en lugar de na veterana. Aínda que iso non lle quita a ilusión, nin as gañas de viaxar, xa que en Galicia non hai moitas zonas calizas e teñen que acabar recurrindo ao norte de Lugo, Asturias, Cantabria… “Nos sempre imos cara arriba”, bromea María Luisa.
Noraboa, deportista!