Duvi/ Chega a calor e con ela as gañas de non despegarse da auga. Por undécimo ano consecutivo a Universidade de Vigo propón unha alternativa á praia: Augaventura, un conxunto de actividades específicas postas en marcha en colaboración con El Corte Inglés no que os deportes náuticos en río e mar son os protagonistas. Cunha ruta en kayak entre os ríos Miño e Tamuxe como principal novidade deste ano, o programa propón outras catro especialidades: surf, rafting e cursos e bautismos de mergullo nas modalidades Open Water Diver (ata 18 metros) e Advanced Open Water (ata 30 metros). “Temos que aproveitar o enclave privilexiado no que vivimos: somos o país dos 6000 ríos, dos 1700 quilómetros de costa, somos o campus europeo de excelencia do mar… Iso significa facer unha clara aposta non só polas empresas vencelladas ao sector mariño ou pola actividade investigadora, senón tamén pola vida relacionada co mar”, recordou Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria.
A descarga de adrenalina fai que a actividade que goza de maior aceptación sexa o rafting, aínda que a alta demanda en todas as modalidades fixo que a Universidade “arriscara” e incrementara nun 150% o número de prazas ofertadas. Para evitar as listas de agarda nesta edición poderanse matricular ata 469 persoas que se dividirán en varios grupos dispostos en diferentes datas entre os meses de abril, maio e xuño. “Xa estamos pensando no ano que vén, no que volveremos introducir novidades, sobre todo relacionadas co Campus do Mar”, augurou Alexandre Sanjorge, representante do Servizo de Deportes. Unha delas, por exemplo, será volver a probar sorte coa vela, “centrada na dorna, ou con deportes de moda entre a mocidade, como o kitesurf ou o windsurf”.
Os cursos están abertos a toda a comunidade universitaria (estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e de servizos), que nesta ocasión poderán participar cun acompañante. Ademais, tamén se permitirá a matricula dos socios do Complexo Deportivo Universitario e dos traballadores das empresas instaladas no campus. Deste xeito, “trátase de abrir a Universidade á sociedade cun dos programas deportivos máis consolidados”, subliñou José Manuel Blanco, xefe de Relacións Externas de El Corte Inglés.
Nos dez anos de historia de Augaventura, o 90% dos participantes procederon do campus de Vigo. Neste programa, no que participan un porcentaxe lixeiramente maior de mulleres que de homes, os prezos varían en función da actividade: as máis económicas son as rutas en kayak e o rafting (entre 10 e 20 euros), seguidas do surf e dos bautismos (entre 24 e 70 euros), mentre que as máis custosas son os cursos de mergullo, cunha matrícula de entre 222 e 350 euros. O pago da inscrición inclúe seguro de responsabilidade civil, presenza de monitores titulados, material, medidas de seguridade necesarias e incluso un servizo de autocar de balde para o rafting e as rutas en kayak se se chega a un número mínimo de participantes. As inscricións pecharanse entre unha e dúas semanas antes do comezo da actividades. Na web do Servizo de Deportes pódese ver a información completa de cada unha das cinco especialidades, con data de celebración, lugar, máximo de persoas por grupo, prezos e días no que haberá reunións informativas para os interesados.