O VigoZoo ven de asinar un convenio de colaboración coa ONG Coopera, adicada a desenvolver distintos proxectos de conservación nos que se atopa a xestión do Santuario de Primates de Lwiro, na República Democrática do Congo.
A participación de Vigozoo en proxectos de conservación é unha das prioridades da entidade, ben desenvolvendo programas de cría “in situ” ou ben achegando fondos para desenvolver proxectos similares aos levados a cabo na República Democrática do Congo. De feito o director executivo da ONG, David Chimeno, estivo en Vigo onde valorou a importancia do traballo que están a levar a cabo para a protección da biodiversidade do país.
O Santuario está dirixido pola prestixiosa veterinaria española Carmen Vidal e a súa misión é brindar a mellor atención posible aos primates orfos da zona de Kivi Sur traballando na protección destas especies e da súa biodiversidade. A ferramenta principal é a educación e o seu obxectivo é reintroducir o meirande número de individuos posibles no Parque Nacional Kahuzi-Biega, ao leste da República Democrática do Congo.